Día internacional da muller
Hai case 50 anos que o 8 de marzo é o día oficial que conmemora a histórica loita das mulleres pola igualdade de dereitos e condicións e pola participación na vida pública e política, pero por qué esa data?
En marzo de 1857, as traballadoras dunha fábrica téxtil de Nova York saíron á rúa para protestar polas malas condicións laborais, que a pesar de ser duras para todos os traballadores, a precariedade foi aínda maior para a parte feminina do sector cuxos soldos podían ser inferiores que a metade dos soldos dos homes só por ser mulleres. As protestas foron violentamente reprimidas pola policía, pero esa manifestación sentou as bases para a loita posterior grazas ao seu gran impacto.
51 anos despois, o 8 de marzo de 1908, un acontecemento marcou a historia e a loita pola igualdade de dereitos: case 130 traballadoras morreron nun incendio na fábrica Cotton de Nova York, despois de que se declarasen en folga con permanencia no seu lugar de traballo; reclamando a redución da xornada laboral, igualdade salarial e mellores condicións de traballo. Para que as mulleres se rendesen, o dono da fábrica mandou pechar as portas do edificio. Sen embargo, o resultado foi a morte das traballadoras a causa do incendio.
En 1909, unha organización de Mulleres Socialistas celebrou o primeiro Día Internacional da Muller nos Estados Unidos que, aínda que só se seguiu en Nova York e Chicago, máis de 15.000 mulleres participaron na marcha que percorreu a cidade americana onde todo comezou.
En 1910 tivo lugar en Copenhague, Dinamarca, o segundo Encontro Internacional de Mulleres Socialistas. Nesta ocasión propúxose fixar unha xornada simbólica que servise para reinvindicar os dereitos de todas as mulleres, fundamentalmente o dereito ao voto. Ao ano seguinte celebrouse por primeira vez o Día Internacional da Muller nalgúns países europeos como Alemaña, Austria, Dinamarca ou Suíza.
Ao longo das décadas seguintes, moitas organizacións de mulleres doutros países sumáronse ás reinvindicacións que se levaron a cabo durante o mes de marzo ata que en 1975 a ONU recoñeceu oficialmente o día.
Non é doado fixar un só acontecemento como o motivo polo que se escolleu esta data, hai que entendelo como un conxunto de actos que apoiaron a loita e o esforzo das mulleres na historia polos dereitos dos que hoxe gozamos. Así, enténdese como cada xeración herdou o deber de loitar polos seus dereitos e os das futuras xeracións.
